Galicia Open Future lanza novo desafío empresarial: o Reto COFRICO

martes, 12 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Galicia Open Future, o centro de crowdworking impulsado por Telefónica para fortalecer proxectos tecnolóxicos innovadores e fomentar a colaboración entre empresas arredor de desafíos concretos (desafíos achegados por empresas non TIC para seren resoltos por empresas TIC), vén de dar un novo paso no seu desenvolvemento. E faino lanzando un novo desafío: un reclamo para ser superado polas nosas empresas do sector dixital.
O Reto COFRICO, que vén da man da firma galega do mesmo nome (centrada en refrixeración e climatización) leva por título Como poden as novas tecnoloxías mellorar a interacción con elementos dun sistema de eficiencia enerxética para mellorar o seu mantemento preditivo? Esta semana, o xoves 14, vai ser presentado por GAIN, COFRICO e Telefónica dende o Centro Demostrador TIC de Santiago.
O novo desafío, cuxo prazo de inscrición estará aberto até o vindeiro 27 de novembro, foi avanzado nos seus detalles os días pasados: “Nesta proposta buscamos participantes (emprendedores, startups, PEME, centros tecnolóxicos, universidades, ou unha colaboración entre elas) que axuden a COFRICO a mellorar e facer máis eficiente o proceso de estudo, descubrimento e actuación sobre as instalacións existentes dos seus clientes, conectándose con sistemas dos que actualmente é moi complicado recompilar información”, sinalou Telefónica, explicando que a solución achegada pode dar resposta total ou parcial ao desafío, e o proxecto gañador terá a oportunidade de desenvolver un piloto real sufragado por COFRICO, así como acceso a importantes axudas económicas por parte da Xunta de Galicia.
Como dixemos, este xoves 14 de novembro celebrarase unha sesión na que a empresa levará a cabo a definición do reto, nunha sesión que será retransmitida vía streaming na ligazón https://cdtic.xunta.gal/es. A cita desenvolverase entre as 10.00 e as 12.00 horas, no Centro Demostrador TIC (CDTIC). A proposta será debullada en primeira persoa polos responsábeis da devandita empresa. “Trátase dunha boa oportunidade para coñecer a nova empresa tractora e o contexto no que se lanza este reto, así como para resolver as dúbidas que poidan exporse en relación con el ou co programa en xeral”, explica GAIN, que lembra que o prazo de presentación de candidaturas remata o 27 de novembro.

PUBLICIDADE