Galicia Open Future celebra o seu primeiro Demo Day

luns, 21 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Daniel Seijo abrirá o evento cun relatorio sobre financiamento de startups

Mañá ás 16:00 horas na Cidade da Cultura celebrarase o primeiro Demo Day da segunda edición de Galicia Open Future, evento para o que os interesados en asistir poden inscribirse de balde a través dun formulario en liña, e que abrirase cun relatorio de Daniel Seijo, director xeral de Diariomotor.com, sobre Financiamento para startups, ao que seguirán unha serie de presentacións de proxectos ou pitches que servirán así para dar a coñecer aos presentes os participantes desta iniciativa de Telefónica que conta coa colaboración da AMTEGA.
Galicia Open Future conta actualmente con 48 proxectos participantes, 20 da Coruña, 12 de Santiago, 7 de Vigo, 3 de Lugo, 3 de Ourense e outros 3 de Vilagarcía, Tui e norte de Portugal; proxectos que atópanse en diferentes fases de desenvolvemento (hainos que son propostas e no outro extremo hai xa algúns comercializándose) e, malia contar coa TIC como substrato común, os proxectos abranguen sectores diversos: a madeira, a saúde, o motor, a agricultura, etc.
A iniciativa atópase mergullada na súa primeira fase, na que os responsábeis dos proxectos elaboran cadanseu plan de negocio. Para isto, reciben asesoramento e adestramento dun completo elenco de especialistas procedentes de Telefónica e os seus centros de coworking e crowdworking, con amplos coñecementos en materias como a mercadotecnia, o comercio electrónico ou a busca de financiamento. Os emprendedores terán tamén ocasión de compartir experiencias con outros proxectos de todo o mundo involucrados no programa de innovación Open Future de Telefónica (no que se integra Galicia Open Future), e que xunta novas empresas, investidores e entidades públicas e privadas de todo o mundo. Igualmente dispoñen dunha axuda de 2.000 euros achegada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Na segunda fase de Galicia Open Futere, “unha vez evolucionados xa os proxectos”, un xurado de expertos seleccionará as tres mellores iniciativas da aceleradora (estas tres iniciativas recibirán un pulo de 25.000 euros da man de GAIN, amais de ter acceso a un empréstamo reembolsable de XesGalicia por un valor máximo de outros 25.000 euros) en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial.

PUBLICIDADE