Galicia Emigración achega formación en novas tecnoloxías a galegos de Montevideo e Bos Aires

martes, 22 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A formación en novas tecnoloxías cobra especial relevancia nun país que, coma o noso, está practicamente máis espallado polo mundo adiante que concentrado na súa xeografía propia. Sendo así, a achega do dixital viría a contribuír ao mantemento das ligazóns a través dunha comunicación directa, accesible e de baixo custo. Segundo vén de indicar a Secretaría Xeral de Emigración, estes recursos (formativos e de infraestrutura), poden e deben ser de sentido duplo. Ou sexa, que cómpre atender tamén ás necesidades dos que están fóra.
Este é o alicerce da iniciativa que vén de presentar en Montevideo o dito departamento da Xunta e máis a Fundación Galicia Emigración: unha acción formativa en TICs que conta con financiamento do Ministerio de Traballo e co achega tecnolóxica da asociación empresarial galega Ineo. A actividade educativa en si mesma celebrarase ao longo dos meses de xullo e agosto na capital do Uruguai e máis en Bos Aires nunha serie de clases teóricas que culminarán máis tarde en actividades prácticas a desenvolver en compañías do eido tecnolóxico da nosa terra.
Por certo que as clases comezaron xa onte en Montevideo perante a presenza de 20 alumnos con orixes galegas e españolas. A idea que xace baixo esta proposta en concreto, segundo indica a Fundación Galicia Emigración (organizadora dos eventos) é a de achegar unha serie recursos que lles axuden aos emigrantes retornados a superar os atrancos que adoitan a xurdirlles no camiño no seu proceso de integración laboral en Galiza e España. Para a dita entidade, este traballo de superación pasa en boa medida por afondar no emprego das novas tecnoloxías do coñecemento, un eido e un sector económico que goza xa de grandes posibilidades de emprego en toda España.
A vertente práctica
Segundo informa a Secretaría Xeral de Emigración, co gallo de asegurar o éxito da inserción laboral dos emigrantes o programa inclúe tamén unha fase práctica que consistirá na realización de prácticas, non remuneradas, en empresas do sector das novas tecnoloxías. Neste senso, cómpre sinalar o custo da viaxe, o aloxamento e a manutención de polo menos a metade das persoas que leven a cabo a actividade formativa correrán a cargo da Fundación Galicia Emigración. Con estes pasos, sinala esta entidade, preténdese garantir que o emigrante retornada obteña experiencia empresarial, o principal paso para abrirse camiño no mercado de traballo.

PUBLICIDADE