Galegodecine.org colle folgos con motivo do Día das Letras Galegas

luns, 14 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A web galegodecine.org súmase estes días ás celebracións do 17 de maio. A páxina, como recordaremos, é a versión dixital (axenda, eixe de operacións virtual) dunha xira que percorre a nosa xeografía amosando e promovendo o noso audiovisual, na nosa lingua, entre as novas xeracións. A xira inclúe unha caravana-remolque que fai as funcións de sala de cinema. Unha das figuras que intervén, como mestre de cerimonias, é o revisor das palabras, encargado de introducir aos rapaces nos misterios da sétima arte. Con motivo do Día das Letras, a iniciativa colle folgos e fai especial fincapé na necesidade de promovermos a lingua.
Isto estase a facer a través do faladoiro que se inclúe coa cativada logo de cada proxección, no que se lles propón aos rapaces facer eles mesmos unha historia-argumento. A través dun videomatón, cada un deles achegará unha frase que logo transformarase nun relato en grupo. “Da súa capacidade de inventiva”, informan os organizadores, “dependerá que se convertan nos gañadores das votacións que, unha vez rematado o programa FalaRedes de Política Lingüística, levaranse a cabo a través da devandita páxina web, galegodecine.org, onde estarán ao dispor dos interesados todos os vídeos da actividade”. Quen gañe recibirá como premio un libro e DVD do Soldadiño de chumbo.
Galego de Cine é unha iniciativa de Mr Misto, a directora Eva Quintáns, Continental, e Oqo filmes. Insírese nas actividades de FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta sala de cinema móbil, posibelmente a máis pequena do mundo (pero tamén unha das máis xeitosas), percorrer arestora até 100 localidades da nosa xeografía, proxectando curtas en galego e facendo participar a nenas e nenos no propio proceso creativo de cada peza, convidándoos a eles mesmos a idear a súa obra particular. Segundo informan os organizadores, os rapaces son eles mesmos os encargados de facer a escolla de contidos da carteleira para, seguidamente ao visionado, valorar as súas peliculiñas favoritas. “Primeiro xestionan o seu pequeno cinema, e logo eles fan a súa propia curta para verse en pantalla, botando man da súa desbordante imaxinación espontánea, cada un eles constrúe unha pequena parte dun video-conto”, engaden.