Galaxy-Lab contribuirá a que a Cidade das TIC sexa un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia
mércores, 30 de marzo do 2022
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá, na Coruña, que Galaxy-Lab
contribuirá a que a Cidade das TIC sexa un polo tecnolóxico e de innovación
dixital de referencia. Tal e como explicou na visita ás instalacións que
albergarán esta infraestrutura de investigación e experimentación con vehículos
aéreos non tripulados en contornas urbanas, tamén permitirá, ao mesmo tempo,
ampliar as capacidades do Polo Aeroespacial de Galicia.
“Ademais de contar cunha nova infraestrutura e do
coñecemento tecnolóxico que se xerará, a vocación tanto do Polo Aeroespacial
como deste novo centro é poder impulsar pegada industrial en Galicia e atraer
investimentos de empresas interesadas no desenvolvemento tecnolóxico e
industrial”, asegurou Conde, que agradeceu á Universidade da Coruña, e neste
proxecto en particular ao Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a
colaboración institucional e público-privada que se está establecendo ao redor
da Cidade das TIC. O novo centro conta cun investimento de 1,1 millóns de euros
financiado ao 50% pola Axencia galega de Innovaicón e o ITG.
Conde puxo en valor que o ITG é o único centro en Galicia
(hai catro en toda España) acreditado polo Ministerio de Ciencia e Innovación,
para o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas coa mobilidade aérea
autónoma. Neste sentido, impulsará a investigación de solucións alternativas ao
transporte de mercadorías e pasaxeiros a través de vehículos aéreos non
tripulados nas zonas urbanas co obxectivo de estar á vangarda neste eido.
O vicepresidente económico lembrou que a Xunta, ademais de
apoiar esta infraestrutura, tamén achega 4,8 millóns de euros para a
implantación dun Centro de Servizos Avanzados na Cidade das TIC, no que se
instalarán diferentes laboratorios de intelixencia artificial e outras
tecnoloxías para que as empresas poidan lanzar e prototipar proxectos.
Finalmente, tamén avanzou que a Cidade das TIC se postula como sede dun nó da
Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial grazas á integración do CITIC, o
maior centro de intelixencia artificial de Galicia.
Vídeo promocional do Galaxy-Lab