Galaxia conmemora as vinte edicións en galego de O Principiño cun certame no Twitter

venres, 25 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Coincidindo cunha festa que cingue a cativos e maiores unidos polo amor á lectura (falamos da celebración das vinte edicións en galego de O Principiño da man da Editorial Galaxia), o selo galego vén de pór en marcha un concurso na rede social Twitter arredor da lendaria e inmortal obra de Antoine de Saint-Exupèry. O certame, impulsado por Francisco Castro, coordinador de Novos Proxectos e editor da sección Infantil e Xuvenil da editorial galega, festexa en realidade algo máis grande: a literatura en si mesma e o noso compromiso co galego como canle de primeira liña para acceder á creación universal. Sinalar que hai só uns días que saíu do prelo a vixésima edición de O Principiño, unha obra que comezou a publicarse, na nosa lingua, no ano 1972 en tradución do escritor Carlos Casares.
Co gallo destas vinte edicións, ás que seguro que se engadirán moitas máis, tal e o poder de borrar barreiras entre xeracións do dito libro, Galaxia puxo en marcha o dito concurso no Twitter, co que se pretende animar aos internautas a elaborar un breve texto que explique o porqué da súa fidelidade á obra de Saint-Exupèry.
A través do hastag #gustameoprincipiñopor todas e todos os que o desexen poderán participar no concurso até o vindeiro 7 de febreiro (dúas semanas en total), completando os 140 caracteres que permitirán a Galaxia saber que é o que nos gusta de O Principiño.Entre todos os participantes”, informa Galaxia, “elixiremos o mellor texto que levará como premio unha edición en tapa dura da obra de Saint-Exupèry así como un exemplar de todas e cada unha das obras literarias de Carlos Casares, tradutor do libro e coleccionista de edicións en distintas linguas da obra”.

PUBLICIDADE