Galaicus Fintech afronta o seu gran chimpo internacional co apoio de Galicia Avanza

mércores, 12 de abril do 2023 S. P.

Comezou o mes de abril e non decae a actividade do programa Galicia Avanza, destinado a favorecer a internacionalización das pemes, posto en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Na primeira edición participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, entre elas a ferrolá Galaicus Fintech.
Segundo explica a Tecnópole, Galaicus é unha firma do sector fintech, é dicir, que emprega a tecnoloxía para mellorar ou automatizar servizos e procesos financeiros. Nace en 2017 pola necesidade de crear fontes de financiamento alternativo ante a crecente concentración do sector da banca e o risco de exclusión financeira de parte das empresas do eido estatal.
Ofrece unha plataforma tecnolóxica que permite ás empresas acceso a financiamento mediante a venda das súas facturas por cobrar, así como unha solución para que poidan dixitalizar o financiamento da súa cadea de provedores.
Desde a firma ferrolá salienta que “o sistema financeiro actual non é capaz de responder plenamente ás necesidades de financiamento das pemes, posto que o período medio de pago en España supera os 94 días, unido ao feito de que tan só o 42% das facturas se pagan dentro do prazo acordado”. Así, as plataformas desenvolvidas por Galaicus permiten ás empresas diversificar as súas fontes de financiamento, “dunha maneira rápida, áxil e sinxela sen esixir garantías reais ou a contratación doutros servizos e produtos bancarios, como o caso dos seguros”, explican dende a firma galega, engadindo que este formato de negocio “dixital” permite á empresa operar desde Galicia en calquera outro país sen necesidade de presenza física nos devanditos mercados.

PUBLICIDADE