Galactea-Plus presentará os seus servizos de transferencia de tecnoloxía na Tecnópole

venres, 15 de maio do 2009 Raquel Noya

O vindeiro luns, 18 de maio, o CIS Galicia, o nodo galego da rede Enterprise Europe Network, responsable dos servizos de transferencia de tecnoloxía, dará a coñecer a nova rede de servizos tecnolóxicos na que participa a través do consorcio Galactea-Plus.
O acto terá lugar en Ourense, nun almorzo tecnolóxico coorganizado coa Tecnópole onde as empresas que forman parte da asociación coñecerán a iniciativa de primeira man.
Os responsables do proxecto, xestionado pola Unidade de Vixilancia e Transferencia Tecnolóxica do CIS Galicia, explicarán dun xeito práctico e didáctico os servizos de fomento da transferencia da tecnoloxía e da innovación que levan prestando de balde ao empresariado e institucións galegas dende hai case unha década.
A Unidade conta cunha ampla experiencia que se remonta ao ano 2000 no que se incorpora á antiga rede europea de Centros de Enlace para a Innovación coma o punto de contacto para fomentar a transferencia de tecnoloxía en Galicia, labor que continúa exercendo hoxe en día a través da Enterprise Europe Network creada no ano 2008.
A Enterprise Europe Network, con preto de 600 organizacións en máis de 40 países, é a meirande rede europea de apoio ás pequenas e medianas empresas; o CIS Galicia, que é o nodo galego da devandita rede, dará a coñecer o seu proxecto Galactea-Plus en diversas roldas de presentación que terán continuidade ao longo do desenvolvemento da iniciativa, que rematará a finais do ano 2013.
O obxectivo é que todas as empresas galegas (ou a lo menos o maior número delas posible) se beneficien deste proxecto e dos servizos que ofrece, aumentando así as posibilidades de desenvolver o seu potencial competitivo e innovador.
O abano de servizos para pequenas e medianas empresas que abrangue o Galantea-Plus van dende a simple resposta a unha dúbida en concreto sobre lexislación, oportunidades de financiamento, acceso a programas… ata servizos dun valor engadido como o fomento da cooperación empresarial, a internacionalización e o fomento da innovación mediante a transferencia de tecnoloxía e a participación en proxectos.
A Unidade de Vixilancia e Transferencia Tecnolóxica ubicada nas instalacións do Centro de Innovación e Servizos en Ferrol, participa na Enterprise Europe Network a través do consorcio Galactea-Plus, formado por oito entidades de Asturias, Cantabria, Castela e León e máis Galicia.

PUBLICIDADE