GRADIANT: un novo centro galego encamiñado a xerar riqueza pola vía da Sociedade do Coñecemento

luns, 9 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Este luns 9 foi presentado oficialmente en Vigo o proxecto do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT, un espazo de investigación que xorde coa finalidade (precisamente) de xerar máis espazos, vieiros e proxectos de investigación na nosa terra, sobre todo no eido das tecnoloxías do coñecemento. No acto de “posta en longo”, no que participou o conselleiro de Innovación (Fernando Blanco, na imaxe), deuse a coñecer quen vai estar detrás da iniciativa: un padroado composto pola Xunta, as tres universidades galegas e as empresas Arantia 2010, Arteixo Telecom, Eganet, Egatel, Gsertel, Indra/Soluziona, Ineo, R, Telefónica, Televés, Tele2-Comunitel e Tredess.
Este escenario de investigación, que comezará a operar en breve coa constitución da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, irá medrando paseniño en persoal, orzamento e capacidade de autofinanciamento. A previsión é de que no seu quinto ano de “vida”, conte con preto de 58 traballadores, 40 deles investigadores, e que estea financiado nun 60% con recursos captados externamente e nun 40% pola Administración, cun orzamento total de 4,6 millóns de euros.
Segundo informa Innovación, no mes de xuño constituirase “o núcleo operativo e a súa ubicación en espazos cedidos pola Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo”. E prosegue: “O vindeiro ano executaranse os primeiros contratos e incorporación de persoal de I+D e en m
arzo de 2009 está prevista a súa ubicación en espazos de CITEXVI, a Cidade Tecnolóxica de Vigo”. Para
xaneiro de 2011, sinala o departamento da Xunta, GRADIANT estará a pleno rendemento, con máis de 60 enxeñeiros e doutores e cunha elevada porcentaxe de autofinanciamento.
Sendo o seu obxectivo incrementar a investigación na Sociedade do Coñecemento nos sectores educativo, público e empresarial, un dos seus cometidos será o de ligar na medida do posible os seguintes elementos: empresas, plataformas, clústers e Organismos Públicos de Investigación. Con este traballo conxunto, o centro poderá favorecer a posta en marcha de proxectos estratéxicos e xerar novas oportunidades de negocio e coñecemento para as empresas en temas de investigación punteira.
Ademais (engade Innovación), GRADIANT irá encamiñado a incrementar a capacidade de captación de fondos externos para a I+D, especialmente da UE, e tentará acadar o retorno de capital humano cualificado formado en Galiza e atraer investigadores de primeiro nivel formados en universidades estranxeiras, entre outros obxectivos.

PUBLICIDADE