GPUL anuncia unha nova edición das súas xornadas de achegamento ao software libre para novos alumnos

martes, 1 de outubro do 2013 Redacción

O Grupo de Programadores de e Usuarios de Linux (GPUL) informa de que xa está en preparación a nova edición das Xornadas de Introdución a GNU/Linux e Software Libre para alumnos noveis, uns encontros que se van celebrar o vindeiro 10 de outubro na Facultade de Informática da Universidade da Coruña e que están dirixidos aos novos estudantes do centro, co fin de introducilos nun eido TIC en constante crecemento e espallamento, non só a nivel social senón tamén dende o punto de vista empresarial: o eido da programación aberta. Segundo informa o GPUL, as xornadas artéllanse en dúas quendas (11:30 e 17:30) a impartir no laboratorio 0.2.
A actividade estará centrada no uso de Ubuntu Desktop, pois segundo nos lembran dende o Grupo trátase do sistema que os asistentes empregan na súa maioría durante o curso. Lembrar que Ubuntu é unha distribución GNU/Linux que ofrece un sistema operativo moi indicado para computadores persoais ou servidores e, a día de hoxe, moi presente en millóns de equipos de todo o mundo, en boa medida pola súa facilidade e liberdade de uso, pola inmunidade que pon en xogo e polos lanzamentos regulares de actualización de balde.
Volvendo ás xornadas, dicir que o programa comezará cunha pequena introdución á filosofía do software libre e continuará cun cursiño acelerado das ferramentas máis útiles deste sistema, pudendo continuar cunha GNU/Linux Install Party en vindeiras datas.

PUBLICIDADE