GHANDALF informou sobre licenzas libres a arredor de 30 rapaces de Negreira

xoves, 2 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

O software libre non só é unha opción de uso, senón tamén unha opción profesional e de negocio presente e futura. Facer fincapé nestas e outras cuestións foi o gran obxectivo da xornada de divulgación que organizou recentemente a Asociación GHANDALF no IES Xulián Magariños de Negreira. O encontro, titulado Software Libre e Licenciamento, convocouse co obxectivo de amosarlles aos estudantes de informática (e profesionais das TIC o día de mañá) unha visión xeral e certeira do licenciamento, facendo especial fincapé nas súas ligazóns co software libre e no potencial que lle achega a un deseñador de programas informáticos abertos.
Segundo informan GHANDALF e Mancomún, o evento contou coa participación de arredor de 30 mozas e mozos dos ciclos superiores de informática do cinto centro, que ao fin da xornada puideron resolver dúbidas acerca do futuro laboral que subministra o modelo de software libre, un modelo menos gravoso para o usuario de a pé e que lles permite a deseñadores e internautas moita máis marxe de manobra. Ou sexa: un menor pago de licenzas e meirande capacidade de adaptación ás necesidades de cada quen, entre outras vantaxes.
Segundo conta GHANDALF, forneceuse aos asistentes de documentación dixital sobre a temática en cuestión, a maiores de varias ferramentas e sistemas operativos libres.
GHANDALF pon a disposición de calquera a presentación empregada na Xornada a través da sección de documentación da súa web, nas seguintes ligazóns directas:
· Software libre e licenciamento (en PDF).
· Software libre e licenciamento (en ODP).
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE