GHANDALF anima aos internautas galegos a traducir un manual sobre proxectos libres

martes, 1 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O grupo de usuarios e deseñadores de software libre GHANDALF vén de facer un chamamento á comunidade internauta galega para participar activamente no proxecto de tradución á nosa lingua dun libro encamiñado a explicar polo miúdo o proceso de posta en marcha dun proxecto de programación aberta, entre outras achegas divulgativas de importancia Máis en detalle, trátase da obra Producing Open Source Software, escrita por Karl Fogel e proposta coma unha introdución de valor práctico nas experiencias do software libre, máis tendo en conta que o seu autor (membro do proxecto Subversion) está considerado un pioneiro da programación aberta a nivel mundial. Segundo conta o dito grupo de usuarios, xa está a pleno funcionamento o espazo en liña para a tradución colectiva do proxecto.
Sobre o estado do proceso, dicir que xa están ultimados os recursos para o proceso e o equipo principal de traballo. Malia todo, indican, será benvida calquera contribución que axude a ter rematado o labor de translación á nosa lingua antes de fin de ano. Máis polo miúdo, procúranse voluntarios para traballar en deseño web, traducir ou revisar os textos ou botar unha man na automatización e integración do labor dos tradutores. Máis datos na web de Mancomún.

PUBLICIDADE