GDG Ourense achéganos ás posibilidades das comunidades de desenvolvedores

luns, 20 de febreiro do 2017 Redacción

Este mércores terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, no salón de actos Marie Curie, unha charla sobre as posibilidades de empregabilidade e de desenvolvemento profesional e laboral que se nos abren seguindo o vieiro da programación colaborativa. A cita, que vén da man de GDG Ourense (Google Developer Group Ourense), levarase a cabo baixo o seguinte epígrafe: High School Developers Parade #Ourense. Trátase dun evento de balde, enfocado a estudantes pero tamén a profesionais do desenvolvemento e o deseño de software. A idea, sinalan os impulsores do evento, “é aproveitar a mañá do 22 de febreiro para que se coñeza como funcionan e que poden achegar as comunidades de desenvolvedores”.
Tamén se botará luz sobre as seguintes temáticas: experiencia na industria, cultura dunha start-up, consultoría, traballo en remoto, métodos de aprendizaxe alternativos, como valorar tempo e traballo, cultivar unha boa actitude profesional, etc. A xornada comeza ás 9:10 horas co rexistro e unha introdución para dar paso a cinco charlas curtas. De 12:00 a 12:30 haberá un descanso. Para finalizar organizarase unha mesa redonda onde charlar sobre todo o anterior e abrir o debate a preguntas. Está previsto pechar o evento ás 13:30 horas. Participan o seguintes relatores: Andrés Martínez Ortiz, desenvolvedor de Relacións de Grupos de Google, Ana Gómez Nogueiras, socia fundadora de Masque3d.com, Toni Martínez, desenvolvedor de IBM Research, Miguel Reboiro Jato, profesor da Universidade de Vigo, e Jesús Pérez, desenvolvedor de IBM Research.

PUBLICIDADE