GALPon perfila o programa do primeiro editatón da Galipedia

luns, 9 de febreiro do 2015 Redacción

Como xa adiantabamos a finais do mes pasado en Código Cero, Vigo acollerá o 28 de febreiro o primeiro editatón da Galipedia, que terá lugar dentro do 3º ciclo dos Sábados Libres na Residencia Altamar (na imaxe) e que está organizado polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon). E en que consiste a cita? Pois é unha reunión onde os participantes se xuntan para editar a Wikipedia (neste caso a Wikipedia galega) tanto de forma presencial coma virtual. Cada editatón adoita adicarse a un tema concreto, sendo neste caso o obxectivo crear ou mellorar as entradas existentes na Galipedia sobre cultura libre e software libre.
Máis polo miúdo temas como software privativo, Copiade malditos!, MOOC, Cultura libre, Datos abertos, Licenzas Creative Commons, Hardware libre, Arquitectura aberta, Bitcoin, Educación aberta ou Impresora 3D. Estes son algúns dos artigos que se propón crear, mentres que se quere desenvolver ou corrixir a información existente sobre Arduino, Inkscape, GIMP, Creative Commons, Copyleft, Chamilo, MySQL ou Proxecto GNU.
Se o pasado mes de novembro o primeiro editatón da Galipedia, celebrado en Lugo, centrábase na ciencia e nos seus profesionais, na quenda viguesa sublíñase a importancia "da colaboración da xente do ensino para que achegue a creación de materiais que poidan ter uso nas aulas, ou calquera outra xanela aberta cara o coñecemento".
Para os interesados en participar, dicir que se pode facer de xeito virtual, dende a casa, colaborando na creación ou mellora destas entradas, pero os seus organizadores instan á asistencia presencial, para incidir nesoutros obxectivos de construción e coñecemento da comunidade. De feito, para ese día 28 está programado un obradoiro de introdución á Galipedia e á edición co Editor visual. Asemade, alén da creación e mellora de artigos relacionados coas tecnoloxías e a cultura libres, dende GALPon tamén sinalan como un obxectivo importante "a colaboración da xente do ensino para que achegue a creación de materiais que poidan ter uso nas aulas, ou calquera outra xanela aberta cara o coñecemento".
Por último, salientar que dende a organización pregan que aqueles que queiran asistir se inscriban de maneira previa.

PUBLICIDADE