GAIN senta os alicerces para vindeiras colaboracións cos nosos centros tecnolóxicos

martes, 3 de xaneiro do 2017 Redacción

Os nosos centros tecnolóxicos, a través de ATIGA, mantiveron onte unha xuntanza de traballo coa nova directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, co fin de avaliar polo miúdo os camiños de colaboración que se abren co ano entrante. Participaron na xuntanza os seis centros membros de Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia: Gradiant, Aimen, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, EnergyLab e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
Na sesión, a directora de GAIN trasladoulles a vontade do Goberno galego e do organismo que representa “de seguir a colaborar nas políticas de innovación como elemento estratéxico para xerar novas oportunidades ao tecido empresarial galego”. Para Argerey, que GAIN e ATIGA cooperen de maneira estreita é clave para fomentar a transferencia tecnolóxica e, en última instancia, o bo estado de saúde da economía.
“Na medida en que Galicia conte con centros tecnolóxicos fortes e excelentes e se manteña este nivel de colaboración”, sinalou, “incrementaranse as posibilidades de impulsar a transferencia de resultados da investigación á empresa e á mellora da súa competitividade a través da I+D+i”. Na xuntanza GAIN e os centros tecnolóxicos tamén tiveron tempo para afondar nos proxectos arestora en activo, e tamén para preparar os alicerces de futuras iniciativas conxuntas.
ATIGA lembrou que a día de hoxe desenvolve preto de 300 proxectos de I+D+i, dos cales o 20% son de carácter internacional. Ademais, é titular de 75 patentes entre propias ou en colaboración con empresas, e conta cun equipo formado por preto de 900 traballadores cualificados.

PUBLICIDADE