GAIN prevé a creación de 250 empregos cualificados coa nova convocatoria de Unidades Mixtas de innovación

mércores, 18 de febreiro do 2015 Redacción

Innovación aberta e cooperación. Esta é a base da iniciativa presentada este mércores en San Caetano polo director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela. Máis polo miúdo, deu a coñecer os detalles da segunda convocatoria do programa de Unidades Mixtas da Xunta, que, segundo explicou, diríxese no xenérico a emendar os posíbeis baleiros de comunicación e colaboración entre os centros tecnolóxicos e as empresas da nosa terra e, no concreto, a impulsar centros mixtos de innovación onde xunten forzas uns e outras. Con esta nova edición, subliñou, sumarase unha mobilización de 50 millóns de euros “en desenvolvementos innovadores de alto impacto”.
Sobre os motivos que alentaron esta nova convocatoria, Varela falou da experiencia xerada pola anterior edición, “unha experiencia de éxito”, e tamén do interese amosado dende que se puxo a primeira pedra da edición 2014, en xullo, por parte de “numerosas empresas”. De feito, dixo, “xa hai unhas quince empresas que expresaron o seu interese de poder crear centros de I+D na nosa comunidade de haber unha nova convocatoria”.
O programa de Unidades Mixtas, engadiu, busca “funcionar como panca para atraer a grandes grupos empresariais a innovar en Galicia, en colaboración con entidades autóctonas como universidades ou centros tecnolóxicos, garantindo a captación de capital privado para I+D+i; a contratación de persoal cualificado na comunidade e a transferencia de coñecemento ao mercado galego para impulsar a competitividade e o emprego”, entre outros obxectivos.
Na súa opinión, os beneficios para Galicia destas dúas iniciativas convocadas “son moitos e variados”, e entre eles inclúense evitar a marcha de profesionais dende a nosa terra ou contribuír a converter a comunidade nun referente de excelencia e innovación.
Varela Rey dixo que esta segunda convocatoria das Unidades Mixtas suma 9 millóns de euros en apoios, engadíndose aos preto de 7 millóns xa aportados pola Xunta para a primeira convocatoria. “Ambas, grazas ao investimento público privado, suman 250 postos de traballo de alta cualificación”, explicou.
A convocatoria publicarase este martes 18 na web da Axencia Galega de Innovación e o prazo de presentación de solicitudes comeza o martes 24 e remata o 23 de marzo. A iniciativa está aberta aos centros tecnolóxicos, universidades, fundacións de investigación sanitaria e centros galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO), que acrediten ter captado o interese de empresas para desenvolver conxuntamente proxectos de innovación, co compromiso de manter a unidade un mínimo de tres anos. “En canto ao resto dos requisitos, as unidades mixtas terán que ter entidade física propia, persoal da empresa destinado nas súas dependencias, e un orzamento mínimo de 2 millóns de euros”, indicou o director da axencia.
Varela Rey fixo tamén falou das primeiras 8 unidades mixtas apoiadas pola Xunta dentro da primeira convocatoria, enmarcadas en sectores estratéxicos da economía galega e nas que participan empresas que son unha referencia nos seus respectivos sectores. Iniciativas das que xa temos falado en Código Cero, como por exemplo a que lideran PSA xunto ao CTAG e o CIS Galicia (investigación para favorecer a condución autónoma, automatizada e intelixente) ou a que impulsan Everis e Gradiant para mellorar os coidados socio-sanitarios (tecnoloxías para innovar na saúde pola vía das TIC).

PUBLICIDADE