GAIN mostra ante as empresas de Ourense os recursos que teñen ao seu dispor para mergullarse na innovación

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou este 31 de xaneiro nunha xornada informativa de presentación das axudas á innovación para as pemes da provincia de Ourense celebrada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense. O obxectivo foi dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das novas convocatorias de axudas dirixidas a pemes (Bonos de Innovación, Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i, DeseñaPeme e InnovaPeme).
Amais, propiciouse un espazo de networking para o contacto entre entidades. A maiores, organizouse un obradoiro de asesoramento innovador para todas aquelas pemes que solicitaron participar na actividade práctica.
Con esta xornada, que se está a celebrar nas catro provincias galegas, a Axencia Galega de Innovación quere animar ás micro, pequenas e medianas empresas e entidades do terceiro sector social a innovar, con independencia do seu tamaño, localización, ou sector. Para iso, ponse á súa disposición non só axudas económicas, senón apoios nun sentido máis amplo como asesoramento ou axuda na preparación de propostas a programas europeos, por exemplo. Estes programas están incluídos no Mapa de apoios conxunto da Xunta de Galicia á I+D+i que integra 37 instrumentos de 13 departamentos.
En concreto, na xornada deste mércores 31 presentáronse as convocatorias de Bonos de Innovación, Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i, DeseñaPeme e InnovaPeme. O programa de Bonos de Innovación, dotado cun orzamento de 750.000 euros, ten aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 22 de febreiro. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo. Para iso, apoia a contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Pola súa banda, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i destinará 500.000 euros en concorrencia non competitiva a apoiar a preparación de propostas tanto de pemes como de organismos de investigación, co obxectivo de impulsar a participación de entidades galegas nestes programas. Esta liña de axudas, cuxas intensidades de axuda oscilan entre o 30 e o 60%, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas.
Por último, InnovaPeme e DeseñaPeme, dotada con 4,5 millóns de euros, publicarase o vindeiro 13 de febreiro no DOG. Trátase de axudas dirixidas a pemes para financiar as actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, co obxectivo de sistematizar e fortalecer a innovación nestas empresas. A intensidade da axuda é do 50% e o importe pode oscilar entre 25.000 e 75.000 euros.
No transcurso da xornada, dúas entidades beneficiarias destes apoios presentaron a súa experiencia. Trátase da destilería H. Paniagua, con case 150 anos de historia e localizada no Carballiño, que obtivo un bono de innovación e unha axuda do programa InnovaPeme no ano 2023. Pola súa banda, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense tivo un bono de innovación no ano 2023.
Para presentar en detalle estas axudas, entre outras liñas de apoio á I+D+i da Axencia Galega de Innovación, celebraranse outras dúas xornadas presenciais: o 2 de febreiro en Vilagarcía de Arousa e o 6 de febreiro en Ferrol. As inscricións poden realizarse na web da Axencia Galega de Innovación.

PUBLICIDADE