GAIN inviste 4 millóns de euros en 9 proxectos de investigación no marco de Ignicia

xoves, 23 de novembro do 2023 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de resolver a fase de financiamento da convocatoria Ignicia Proba de Concepto, que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación galega co obxectivo de “valorizar a ciencia excelente feita en Galicia”, á vez que “se xeran retornos económicos”. En total, a Xunta investirá 3,96M€ en nove proxectos.
A directora de GAIN, Patricia Argerey, deu a coñecer esta resolución no curso dunha visita ao grupo de reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), que recibirá un investimento de 607.000 euros para avanzar no desenvolvemento clínico dun tratamento innovador para a artrose (baseado na administración de fenofibrato en microesferas de liberación prolongada mediante a inxección intra-articular) e constituír unha spin-off para a explotación comercial desta tecnoloxía no 2025.
O proxecto, liderado por Beatriz Caramés, conta coa colaboración da USC e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS). A participación neste programa permitiralles validar clínica e comercialmente a súa tecnoloxía, definir e validar o modelo de negocio, constituír o equipo da compañía e estruturar a futura spin-off.
Os nove devanditos proxectos foron seleccionados no pasado mes de xullo e durante setembro e outubro foron asesorados para madurar os plans de negocio. Coa resolución favorábel do comité de investimentos, os proxectos contarán coas achegas económicas precisas para comezar as actuacións a comezos de 2024.
Segundo informou Argerey, esta cuarta edición da convocatoria “é na que máis proxectos serán apoiados, nove en total, dos que seis pretenden chegar ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os tres restantes propoñen o licenciamento á industria da súa tecnoloxía”. Os nove proxectos implican a 47 investigadores e teñen prevista a contratación doutros 22 profesionais, co que involucrarán un total de 69 persoas.
As iniciativas pertencen a unha ampla variedade de sectores: enerxético, biotecnoloxía mariña, industrial, TIC (5G, Intelixencia Artificial e robótica) e sanitario. Dous proxectos foron apoiados previamente por programas europeos e un nacional.
Desde a súa posta en marcha no 2016, a Xunta investiu 14,3 M€ nesta convocatoria de Proba de Concepto, dos 16,6 M€ investidos en total no programa Ignicia. Este programa lévase a cabo en colaboración coa Fundación Barrié.

PUBLICIDADE