GAIN fomentará as vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de Ferrolterra

luns, 13 de marzo do 2023 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), segue a traballar no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e da innovación como factores clave para o desenvolvemento e o crecemento de Galicia. Con tal fin, dentro do seu programa D’tec, celebrará esta Semana Santa un campamento científico centrado nas áreas de coñecemento do Centro de Innovación e Servizos.
O campamento desenvolverase os días 3, 4 e 5 de abril en horario de 10 a 14 horas. Esta iniciativa xorde xunto coa oferta de espectáculos, talleres científico-tecnolóxicos e cine que se levan a cabo para os centros educativos.
Durante as tres xornadas, os participantes realizarán un conxunto de actividades prácticas, que irán desde deseñar e producir mediante impresión 3D ata familiarizarse coa Realidade Aumentada e Virtual ou iniciarse na programación de placas programables.
Esta actividade é totalmente gratuíta e conta nesta primeira edición cunha oferta de corenta prazas para estudantes de educación secundaria obrigatoria (12-16 anos).
A inscrición que se realizará por orde de chegada está aberta ata o 28 de marzo de 2023 a través da web.

PUBLICIDADE