GAIN envorcará esforzos en fomentar na nosa terra vocacións científico-tecnolóxicas

xoves, 11 de febreiro do 2021 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, achegouse este xoves 11 de febreiro (Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia) ao concello de Ponteceso para participar na presentación do proxecto do equipo do IES Eduardo Pondal no certame CanSat, organizado pola Axencia Espacial Europea (ESA) e coordinado en Galicia pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de GAIN, e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O concurso está dirixido a estudantes de entre 14 e 19 anos que, segundo se fai saber nas bases, deberán realizar “un mini satélite do tamaño dunha lata de refresco para levar a cabo dúas misións”. O equipo Pontesat, formado por 4 alumnos e 2 alumnas do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e asesorados por un alumno que participou na edición de 2020 do certame na que quedaron segundos, é un dos once equipos de nove centros educativos de toda Galicia que participan na fase autonómica do concurso.
A previsión é que os lanzamentos para a selección do equipo gañador sexan entre o 6 e o 8 abril de 2021 no aeródromo de Rozas e o equipo gañador participará na competición nacional prevista para os días 23-25 de abril de 2021.
Patricia Argerey aproveitou a visita ao centro de ensino, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, para anunciar novas actividades que o seu departamento pon en marcha co obxectivo de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as alumnas e os alumnos.
Así, no marco do programa D´tec de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas no ámbito do deseño, das tecnoloxías de Realidade Virtual e Aumentada, Materiais e Industria 4.0, sinalou que se veñen de lanzar dúas novas actividades para desenvolver nas aulas dos centros educativos:
· O proxecto escolar Creación de Mundos en Realidade Aumentada e Realidade Virtual, dirixido a estudantes dos últimos cursos de Educación Primaria (5º-6º), no que o alumnado mergullarase no funcionamento destas tecnoloxías e aprenderán a desenvolver os seus propios contidos de Realidade Virtual e Aumentada.
· O proxecto escolar Redeseñando o mundo, dirixido a estudantes de Educación Secundaria (1º-4º), que levará ao alumnado a través de todo o proceso creativo implicado no deseño dun produto mentres aprenden o manexo de ferramentas dixitais.
O prazo de inscrición destas dúas actividades estará aberto ata o 24 de febreiro de 2021.
Pola súa banda, no marco do programa Voando alto, sumando vocacións, no que xa se teñen realizado varias actividades como obradoiros, charlas ou a Aula Móbil Newton, a directora de GAIN lembrou que este curso 2020/2021 está previsto retomar actividades como novos talleres e visitas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas para “amosar aos mozos e mozas as diversas opcións que lles ofrece o sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados e lanzar o concurso artístico Civil UAVs Initiative Imaxinadron”.
Argerey salientou tamén a colaboración da axencia no programa EdutecEmprende da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (que ten como obxectivo sensibilizar ao alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega a áreas STEM) e o desenvolvemento, xunto coa Tecnópole, de actividades como a feira Galiciencia, o proxecto STEAM Kids Tecnópole, as Aulas Tecnópole ou o campamento tecnolóxico de verán T2 W.
Tamén en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, veñen celebrándose en Ponteceso as Aulas Isidro Parga Pondal. Precisamente, a directora de GAIN aproveitou a presenza do presidente desta Fundación no acto deste xoves 11 de febreiro para destacar “o importante papel que xogan este tipo de iniciativas para introducir á mocidade na investigación e espertar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía”. Mostra diso, dixo, “é a motivación e iniciativa do equipo de estudantes que presentaron hoxe o seu proxecto e a propia existencia dun espazo maker no centro”.

PUBLICIDADE