GAIN entregou os seus segundos Premios Galicia de Innovación e Deseño

martes, 25 de xaneiro do 2022 S. P.

A Axencia Galega de Innovación celebrou, en streaming, este luns 24 de xaneiro, a cerimonia da segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. Con estes galardóns a axencia que dirixe Patricia Argerey quixo recoñecer o labor das persoas e empresas referentes do desenvolvemento económico, tecnolóxico e social en Galicia a través da innovación e do deseño. Profesionais de recoñecido prestixio integraron o xurado, que tiveron entre mans a complexa tarefa de dilucidar entre mancheas de contribucións destacadas, as finalmente recoñecidas.
A cerimonia contou coa presenza do presidente Alberto Núñez Feijóo, quen afirmou que a Xunta seguirá incentivando a Galicia innovadora cunha nova RIS3 que, desde 2014, ten mobilizado máis de 1.900 millóns de euros grazas á colaboración público-privada e 6.700 axudas. Trátase, dixo, “dunha nova Estratexia de Especialización Intelixente que guiará o camiño ata 2027, co obxecto de chegar a todo o tecido empresarial, rompendo o teito de cristal para que pemes e sectores tradicionais se acheguen á I+D+i”.
Feijóo trasladou as felicitacións aos galardoados con estes premios: ao enxeñeiro Fernando Pérez, un dos promotores do Centro Tecnolóxico Gradiant e cuxa carreira está marcada pola investigación; á empresa alimentaria CONGALSA, líder en produtos elaborados do mar e comprometida co traballo cara á transformación dixital e a industria conectada, ademais de cara a sustentabilidade e a máxima cota de responsabilidade social corporativa; e a GalChimia, unha peme vencellada ao sector químico e que reviste de forma continua máis do 10% da facturación en actividades de I+D+i.
Na categoría de deseño, Feijóo salientou o traballo de Desescribir, unha firma de dous arquitectos que realiza proxectos de identidade visual e deseño estratéxico para empresas innovadoras; a traxectoria de Damián Calvo, que forma parte do equipo de deseño de Samsung; e o desenvolvemento da empresa TMC Cancela, unha empresa que fabrica e exporta maquinaria para a agricultura, os montes ou de construción e que logrou multiplicar por oito a súa facturación desde 2008, apostando por un deseño diferencial.

PUBLICIDADE