GAIN e a Tecnópole pechan as formacións da aceleradora galega de solucións anti-COVID: Connect-19

xoves, 5 de novembro do 2020 S. P.

GAIN (Axencia Galega de Innovación) e a Tecnópole xuntaron forzas para impulsar o acceso ao mercado das pemes galegas quen poidan botar unha man para mitigar as consecuencias da crise sanitaria. Este é un dos obxectivos de Connect-19: contribuír a que os proxectos galegos anti-COVID poidan frutificar e converterse en realidade. O dito programa de aceleración de solucións innovadoras rematou este xoves 5 de novembro a súa fase formativa. O peche contou coa presenza online da directora de GAIN, Patricia Argerey, que salientou a axilidade mostrada polas empresas da nosa terra “ante os novos retos propostos pola pandemia”.
De feito, puxo de relevo que partiron das pemes unha grande parte dos proxectos e solucións innovadoras impulsados polo sistema galego de innovación en resposta á COVID-19. Argerey chamou ás empresas participantes “a aproveitar as novas oportunidades de negocio que abre este contexto”, sinalando “que as empresas que innovan e son capaces de facer as cousas dun xeito distinto están sabendo adaptarse ás novas dinámicas do mercado, ás novas necesidades dos clientes e ás novas canles de distribución”.
Para rematar, a directora de GAIN apuntou que a Xunta continuará apoiando e acompañando ao tecido produtivo galego neste camiño “para que a I+D+i feita en Galicia siga contribuíndo a dar resposta á COVID-19 e á agardada recuperación”.
A aceleradora desenvolve desde o mes de outubro actividades formativas orientadas a mellorar as competencias comerciais dos produtos e servizos innovadores. Esta oferta formativa estivo aberta a calquera persoa interesada, non soamente ás vinte que participan no programa de aceleración. De feito, participaron 65 empresas nos dous ciclos de formación, que tiveron formato virtual e un carácter eminentemente práctico.
O primeiro dos bloques estivo centrado na comercialización e o segundo tratou sobre márketing e visualización nas redes, ofrecendo as claves sobre como fundamentar o modelo de negocio, elixir as canles de distribución ou definir a estratexia dixital dos produtos e servizos contra a COVID-19.
Entre as propostas aceleradas atópanse produtos como máscaras infantís biodegradábeis feitas con fibras vexetais, puntos de control de acceso e de temperatura, sistemas de vixilancia de aforo en espazos públicos con drons, un kit sensorial para a detección precoz do coronavirus, ingredientes cosméticos con capacidade antiviral, unha aplicación para a xestión de dietas en hospitais e ferramentas orientadas ao teletraballo, entre outras ideas innovadoras.

PUBLICIDADE