GAIN e InvestiGal organizan o I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro

luns, 29 de xaneiro do 2024 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, reuniuse este luns 29 de xaneiro con representantes da asociación InvestiGal: Rede Galega pola Investigación, que xunta máis de 540 persoas asociadas. Na xuntanza coordinaron a celebración do I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro, que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de marzo en Bruxelas e cuxo obxectivo é ser o punto de encontro do colectivo de persoas investigadoras galegas no estranxeiro.
En termos máis concretos, o I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro, organizado conxuntamente pola Xunta e InvestiGal e enmarcado no Programa de Talento do Goberno galego, persegue establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de que desenvolvan unha traxectoria de excelencia na nosa Comunidade. Así mesmo, servirá para dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta e as tres universidades galegas, e visibilizar as oportunidades de retorno de talento á nosa terra.
Argerey aproveitou o encontro para informar á asociación do texto definitivo do decreto da Xunta que regulará a organización, promoción e carreira profesional do persoal de investigación ao servizo dos organismos de investigación da Administración autonómica. A norma, que en palabras de Argerey “ofrece un marco laboral estábel e atractivo para este colectivo, mellorando e homoxeneizando as condicións destes profesionais e creando unha senda de desenvolvemento profesional para o persoal de investigación”, aspira a contribuír a captar talento investigador na nosa Comunidade.
O decreto regula a xestión e organización do persoal, tanto investigador como técnico, de todos os centros e estruturas de investigación propios, incluídos os centros de investigación sanitaria e atende todas as etapas da actividade investigadora. Así mesmo, regula a mobilidade para mellorar a formación do persoal de investigación e facilitar a súa actividade en axentes públicos e privados do Sistema de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.

PUBLICIDADE