GAIN, distinguida en Madrid polo Foro de Empresas Innovadoras

martes, 3 de outubro do 2023 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, recolleu en Madrid o recoñecemento que o Foro de Empresas Innovadoras (FEI) outorgou, na súa XI edición, e este ente autonómico na categoría de Organismo / institución de apoio á innovación 2023. Na súa intervención, a directora agradeceu este premio que vén das propias empresas e que, segundo explicou, son o motor das políticas innovadoras da Xunta que buscan dar resposta ás súas necesidades desde a colaboración.
Argerey incidiu na “importancia de poñer o foco nas capacidades do ecosistema galego e potencialo desde a especialización”. Neste sentido, destacou a iniciativa galega en actuacións como a aposta pola compra pública de innovación, a transferencia de coñecemento, a especialización nunhas poucas tecnoloxías disruptivas, a mellora de procesos empresariais ou o impulso do deseño.
A directora asegurou que “Galicia é canteira de innovación como demostra o labor realizado desde a industria conserveira, a loxística, o sector naval, a automoción, o téxtil, os recursos autóctonos como a madeira, a pedra natural ou a alimentación e, máis recentemente, o aeroespacial e o biotecnolóxico”.

PUBLICIDADE