GAIN destaca a contribución de DATAlife á transformación dixital das pemes galegas

mércores, 20 de decembro do 2023 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, interviu esta mañá na asemblea ordinaria do hub de innovación dixital DATAlife. Argerey felicitou aos socios do Hub por promover esta organización que apoia a dixitalización e a transformación dixital nas cadeas de valor asociadas (saúde e coidados, agricultura, mar, agroalimentación e forestal-madeira) acadando as 5.000 pemes apoiadas a través dos seus servizos, os 800 servizos de innovación prestados e os 27 proxectos de transformación dixital traccionados.
Argerey apuntou que «DATAlife contribúe ao acceso do tecido produtivo galego aos recursos necesarios para avanzar na súa transformación dixital e reforza a colaboración dentro do ecosistema galego de innovación». Tamén subliñou a achega deste hub a mellorar o posicionamento internacional dos axentes galegos de innovación e a consolidar a internacionalización da Marca Galicia no ámbito da I+D+i. A este obxectivo teñen contribuído o recoñecemento como Hub de Innovación Dixital Europeo e a súa a integración na Rede europea de Hubs de innovación dixital, así como a participación do Hub en varios proxectos europeos, que supuxeron un retorno de 9 millóns de euros en fondos europeos, procedentes tanto dos programas Digital Europe como de Horizonte Europa.

PUBLICIDADE