GAIN convoca a segunda edición do seu premio aos empregados públicos innovadores

luns, 20 de xullo do 2020 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) convocou a segunda edición do Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as, cuxo obxectivo é recoñecer o traballo do persoal do servizo da Xunta que foi posíbel “unha Administración autonómica máis eficiente, moderna e innovadora”, con máis capacidade para satisfacer as necesidades da cidadanía.
Esta actuación enmárcase no Programa de Impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI). Poderá presentarse a este certame todo o persoal funcionario e laboral ao servizo das seguintes entidades do sector público autonómico: a Administración Xeral da Comunidade Autónoma, as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos), así como as universidades públicas galegas.
O concurso consta de dúas categorías: identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración, na que se deberá identificar unha problemática nun servizo prestado á cidadanía e motivar a necesidade e interese da súa resolución; e proxecto coa temática máis innovadora xa realizado ou en curso, na que os participantes deberán describir a iniciativa (proceso, puntos fundamentais e carácter innovador).
As candidaturas deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 15 de setembro, e os premios serán de 2.000 euros para quen gañe individualmente e 3.000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata 3 persoas. A Dirección Xeral de Función Pública incluirá o premio como un criterio de avaliación para o recoñecemento da carreira profesional do persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE