GAIN colabora coas entidades europeas responsábeis da seguridade de navegación aérea

martes, 30 de maio do 2023 S. P.

Na xornada deste martes 30 de maio, representantes institucionais e técnicos de Eurocontrol (organización europea para a seguridade da navegación aérea), da Axencia Europea de Seguridade Aérea (European Union Aviation Safety Agency, EASA), e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) reuníanse nunha demostración de casos de uso dos simuladores U-Space do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha infraestrutura única na contorna europea.
Tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen salientou que “os dous simuladores desenvolvidos por Boeing e Indra permiten situar a Galicia e a España na vangarda do desenvolvemento da tecnoloxía e das operacións seguras con vehículos non tripulados” e puxo en valor que “é o momento de que estas infraestruturas se teñan como referencia a nivel europeo para facer probas complexas e así incentivar o avance do sector e xerar novos mercados para as operacións seguras dos drons”.
Dende a Xunta de Galicia convidouse ás entidades europeas responsábeis da seguridade da navegación aérea a establecer colaboracións para acelerar o desenvolvemento tecnolóxico e regulamentario das operacións con vehículos aéreos non tripulados e así potenciar o desenvolvemento da industria europea no mercado mundial.
Así, os dous simuladores U-Space do CIAR foron desenvolvidos por Boeing e Indra, coa colaboración de 13 empresas, centros tecnolóxicos e entidades, no marco dun contrato de Compra Pública de Innovación financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), e fondos europeos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020; permiten mellorar a eficacia e seguridade das probas con tecnoloxías de aeronaves non tripuladas, minimizando os riscos na súa introdución e simulando unha ampla variedade de escenarios antes de proceder a realizar as actividades de voos de xeito físico.
Asemade, Patricia Argerey, reuniuse hoxe coas 11 startups que participan na cuarta edición da Business Factory Aero (BFAero) no marco dunha xornada de traballo que se celebrou na Fundación CEL Iniciativas por Lugo baixo o título Innovando para o futuro. Alén disto, a directora da GAIN visitou a empresa Kreios Space que forma parte do itinerario de incubación da 4ª edición da BFAero, de orixe catalán pero que xa despregou boa parte do seu equipo en Galicia e que resultou seleccionada entre as 7 empresas finalistas do Spacetech Startup Competition do South Summit. O seu proxecto empresarial está centrado no desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica autónoma para satélites que operan en órbitas terrestres moi baixas (VLEO) co obxectivo de reducir custos e aumentar a resolución de imaxes até 16 veces.
Engadir que dende o 26 de maio e deica o 19 de xullo está aberto o prazo de presentación de propostas para a quinta edición da BFAero, co que a Xunta busca captar 11 novos proxectos de alto impacto do sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados. Os proxectos seleccionados beneficiaranse dun completo programa de apoio: mentoría, formación especializada, acceso a infraestruturas, incorporación ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, espazo para desenvolver a súa actividade, acceso a investidores e apoio económico.

PUBLICIDADE