GAIN activa unha nova convocatoria de 6 millóns a prol do emprendemento innovador

mércores, 31 de agosto do 2022 S. P.

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha imaxe de arquivo

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) que dirixe Patricia Argerey lanzou unha nova convocatoria dotada con preto de 6M€ para seguir apoiando o emprendemento innovador. En concreto, esta liña de axudas financiará a posta en marcha de arredor de 20 proxectos empresariais cun “alto compoñente investigador e tecnolóxico”. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro.
GAIN dirixe esta convocatoria aos 15 proxectos excelentes galegos que recibiron boa puntuación na ultima convocatoria estatal do programa Neotec e que non obtiveron financiamento por falta de crédito. Como novidade, este ano tamén poderán concorrer a esta liña de axudas as mellores novas firmas innovadoras do resto de España que tamén superasen os limiares establecidos na convocatoria de Neotec 2021 e que trasladen a súa sede social e de traballo a Galicia.
Con estes apoios, o Goberno galego segue apostando pola innovación como “factor clave para impulsar a recuperación”.
Na primeira convocatoria, a Xunta impulsou 13 proxectos con axudas de 2,9M€ no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), da modernización dos sectores primarios galegos ou na diversificación de sectores tractores galegos e os seus auxiliares a través dun uso intensivo de tecnoloxías facilitadoras.
Esta liña complementa outras actuacións do Goberno galego como a Estratexia de impulso ás pemes, os préstamos IFI Innova, a aceleradora de comercialización internacional da innovación Galicia Avanza ou o traballo que se realiza a través das incubadoras e aceleradoras galegas.

PUBLICIDADE