GAIN achandará o camiño da innovación a 90 pemes e microempresas

luns, 18 de abril do 2022 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) comunicou a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria do programa InnovaPEME, destinado a posibilitar que as pemes e as microempresas da nosa terra incrementen a súa capacidade innovadora. Ademais, a axencia informou de que o vindeiro 21 de abril prevese tamén a publicación da liña de axudas DeseñaPEME, un programa de apoios que sumado á anterior prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas galegas para “que introduzan a innovación nos seus procesos, organización, produtos e servizos”. En total, a Xunta investirá 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6.
InnovaPEME
Cun orzamento de 2,8M€, InnovaPEME permitirá ás beneficiarias sistematizar os procesos de innovación da empresa a través do financiamento de actividades como estudos de novos produtos ou servizos innovadores, asesoramento en innovación, solucións innovadoras que melloren a produción, novas metodoloxías que incidan positivamente no funcionamento interno da empresa, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.
Esta convocatoria, de concorrencia competitiva, prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste xeito, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pequenas e medianas empresas galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación. O prazo de solicitude abre mañá e pecha o 18 de maio.
DeseñaPEME
Pola súa banda, o vindeiro xoves 21 de abril publicarase no DOG previsiblemente a segunda edición de DeseñaPeme, co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico. Desta volta, GAIN lembra que o obxectivo é “apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas”. As axudas, de concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 1,5M€, valorarán a xeración de deseños sustentábeis e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.
Ambas as dúas liñas forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes, como os préstamos IFI Innova (cuxo prazo está aberto ata esgotamento do crédito ou o 30 de setembro); o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza (para promover a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores cuxo prazo pecha o vindeiro 3 de maio) ou os bonos de innovación que tamén se activarán este ano.
GAIN lembra que dende a posta en marcha de InnovaPEME en 2017, xa se apoiou a actividade de 160 pequenas e medianas empresas cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), a enxeñaría ou o sector agroalimentario. DeseñaPEME, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posíbel a creación e mantemento de 86 contratos.

PUBLICIDADE