Futurgal reunirá na ESEI máis de 50 especialistas en emprendemento disruptivo

xoves, 23 de novembro do 2023 S. P.

A ESEI do Campus de Ourense

O Campus de Ourense acollerá do 30 de novembro ao 5 decembro a celebración de Futurgal Summit 2023, evento no que participarán máis de 50 especialistas co obxectivo de “converterse no motor dun movemento catalizador da innovación e o emprendemento”. A actividade, que ten como lema Empredemento como panca de futuro, está organizada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Enmárcase ademais na estratexia Spain Up Nation e está financiada pola Unión Europea-Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ademais de apoiada polo Ministerio de Industria e a Escuela de Organización Industrial (EOI).
Futurgal, sinalan os seus promotores, reunirá a especialistas “que son referentes en transformación dixital, xestión de equipos, mercadotecnia, innovación e emprendemento, que exporán a súa visión sobre os cambios que nos agardan nun futuro próximo”. No seu desenvolvemento abordaranse grandes cuestiones para o emprendemento como o negocio, o investimento e a escalabilidade; a importancia da retención e a atracción do talento e como lle afecta o marco regulatorio e o sector público.
Ao longo dos días de celebración, participarán en Futurgal, entre outros especialistas, o experto en innovación Enrique Dans; a escritora e divulgadora Elsa Punset; Bernardo Quintero, fundador de VirusTotal (clave na elección de Málaga para o centro de ciberseguridade de Google); a deseñadora Ágata Ruiz de la Prada; Juan Verde, asesor do presidente de EEUU Joe Biden; o ex-ministro Francisco Caamaño; Pepa Bueno, directora da Asociación de Creadores de Moda de España; o influencer Pobre Millenial; os economista María Blanco e José Carlos Díez; a directora de desenvolvemento de negocio de medios de pago de Abanca, Constanza Méndez, ou o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Haberá conferencias pero tamén mesas redondas centradas en temas como o turismo, a globalización e as novas tendencias e o empredemento no mundo da moda e en América Latina. Igualmente desenvolveranse diferentes encontros sobre instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial; o financiamento e aceleración en procesos emprendedores e experiencias persoais en investimento neste eido. Tamén haberá espazo para a presentación de proxectos por parte de emprendedores e emprendedoras a investidores e business angels.
Ao abeiro de Futurgal convocouse un Concurso de Emprendemento, Ideas e Innovación, dirixido a alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de centros educativos en Galicia, no que se convida a presentar proxectos e ideas innovadoras relacionadas co emprendemento sustentabel.

PUBLICIDADE