Funil.gal fortalecerá o galego en materia científica

luns, 12 de maio do 2014 Redacción

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística vai pór en marcha unha web, botando man do dominio que nos é propio, dirixida a fortalecer o emprego do galego nos diferentes eidos da investigación. Máis polo miúdo, trátase do proxecto Funil.gal, unha iniciativa que procurará dotar “á lingua de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico, inicialmente no ámbito da química e en concreto no terreo das prácticas de laboratorio nas tres universidades galegas”. O proxecto contará co financiamento destas e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.
A devandita comisión, de presidencia rotatoria entre as tres universidades galegas e responsábel de iniciativas previas semellantes de promoción e normalización do noso idioma como por exemplo a campaña En galego tamén se fai ciencia, celebrou o pasado venres 9 unha xuntanza na Reitoría da USC onde se reuniu por vez primeira iniciando a quenda da universidade compostelá na súa presidencia. Na xuntanza participaron o reitor Juan Casares, en calidade de presidente da Comisión; a secretaria xeral da USC e o da Universidade da Coruña, Lourdes Noya e Carlos Alberto Amoedo, respectivamente; os responsábeis de Normalización Lingüística das tres universidades, Manuel Núñez Singala (USC), Xosé Ramón Freixeiro Mato (UDC) e Paula Cabral Pedreira (UVigo); o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral de Planificación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, María Elvira Casal García; e o profesor Eduardo González Gurriarán.

PUBLICIDADE