Fundetec dá a coñecer ós gañadores da segunda edición dos seus Premios

martes, 20 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A Fundación Fundetec vén de dar a coñecer este martes 20 de marzo a segunda edición dos seus Premios, que teñen como principal finalidade recoñecer o esforzo de entidades sen ánimo de lucro e institucións públicas no camiño de divulgar as vantaxes e o uso da Sociedade da Información e as súas ferramentas. Dito doutro xeito: no vieiro de reducir a fenda dixital. Neste senso, os gañadores deste ano foron: a Fundación para a Integración de Discapacidades de Barcelona (na categoría de Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa destinado a cidadáns) polo seu proxecto HEADdev que achega un rato de computador para discapacitados que se move con acenos; a Fundación CTIC de Asturias (modalidade Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa dirixido a empresas) polo seu selo Certificación Empresa Dixital que se concede ás pemes que apostan pola tecnoloxía e a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos (modalidade Mellor Proxecto de Administración Pública para cidadáns) pola súa Oficina Postal Virtual que permite facer a través da Rede moitas das operacións que antes tiñamos que facer nas mesmas oficinas de Correos.
Asemade, a Junta de Andalucía foi recoñecida con outro galardón na modalidade Mellor Proxecto de Administración Pública dirixida a empresas e/ou autónomos pola súa iniciativa Novapyme, co que se tenta apoiar ás empresas no seu camiño de entrar a formar parte da Sociedade do Coñecemento.

PUBLICIDADE