Fundetec crea Prointur, un proxecto para impulsar as TIC nos aloxamentos rurais

xoves, 6 de novembro do 2008 Raquel Noya

A fundación Fundetec, dedicada ao fomento da Sociedade da Información en España, vén de presentar Prointur, un proxecto que ten como principal obxectivo poñer ao servizo dos empresarios de aloxamentos rurais unha serie de servizos que lles faciliten “unha mellor xestión dos seus negocios e un medre da súa competitividade”.
A iniciativa conta coa financiamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través do Plan Avanza e a Unión Europea e persegue dotar aos establecementos de turismo rural dunha serie de vantaxes que lles permitan mellorar a competitividade, simplificar os procesos de xestión e aforrar custes a partires do emprego das TIC.
Segundo apuntou a directora do Instituto de Estudos Turísticos, Ana Cristina Gozalo, pese a que os establecementos rurais medraron un 93 por cento nos últimos cinco anos, aínda “non teñen sistemas de xestión axeitados que aproveiten ao máximo as posibilidades que ofrece o contorno empresarial actual”.
Para iso, o programa Prointur, que conta xa con 573 empresas pre-adheridas e 197 integradas plenamente, ofrece, por unha banda, o programa Ruralgest, que consiste nun sistema de xestión integral que lle achega ao propietario, entre outras cousas, realizar as tarefas de xestión do aloxamento (planificación, facturación, control do gasto…), supervisar comodamente os sistemas de calidade e conectarse a un número ilimitado de canles a través de Internet.
Por outra banda, a través deste proxecto ponse en marcha unha plataforma Web 2.0, dende a que se lle ofrece presenza en Internet a todos os establecementos adheridos con información individualizada de cada un deles e un sistema de reservas conectado a máis de 1.500 turoperadores.
En terceiro lugar, Prointur ofrece a posibilidade de obter unha certificación en e-aloxamento, logo de ter superada unha auditoría do uso que este fai das TIC na xestión do seu negocio, que “poderá ser empregada, posteriormente, como ferramenta de marketing, imaxe corporativa e de posicionamento estratéxico”.
Así o apuntou o director xeral de Fundetec, que engadiu que esta certificación “dispón de tres niveis en función do grao de uso e aproveitamento das TIC”.
A páxina web de Prointur (www.prointur.es) abrirase dentro de aproximadamente 20 días e agárdase que estea plenamente operativa a comezos de 2009.

PUBLICIDADE