Fundación Telefónica expón unha mostra sobre a evolución da telefonía en Ponferrada

xoves, 5 de decembro do 2013 Redacción

O Museo Nacional da Enerxía, en Ponferrada, inauguraba o pasado 3 de decembro unha mostra baixo o título Breve historia da telefonía, na cal se poderán descubrir os primeiros pasos na telefonía (dende finais do século XIX), o desenvolvemento e a ampliación do servizo telefónico (anos 20-50), a globalización das comunicacións (anos 60-70) e as novas pautas de comunicación (anos 80 en diante). Esta exposición ten como finalidade amosar a evolución das telecomunicacións, facendo especial fincapé na telefonía en España.
Trátase de 44 pezas que serven para observar as innovacións de cada etapa, tendo o público asistente a oportunidade de tocar coas súas propias mans algunhas delas. Cómpre salientar que esta mostra está organizada pola Fundación Telefónica e poderá visitarse de balde do 4 de decembro de 2013 ao 9 de marzo de 2014, coa oportunidade de ver un documental sobre a historia das telecomunicacións.
Emporiso, as corenta e catro pezas expostas no museo Ene.térmica organizáronse de maneira cronolóxica e distribuídas en catro eidos: Primeiros pasos na telefonía (finais do século XIX), Desenvolvemento e ampliación do servizo telefónico (anos 20-50), Globalización das comunicacións (anos 60-70) e Novas pautas de comunicación (anos 80 en diante). Estas etapas abranguen desde a orixe -no que o gran avance foi a comunicación da voz a distancia- até os terminais móbiles nos que converxeron os diferentes servizos: voz, datos, imaxe, música, etc.
Os horarios da exposición son de 10:00 a 14:30 h e de 16:00 a 19:00 h. todos os días (agás os luns e os días 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro).

PUBLICIDADE