Francisco Jorquera critica a lei xeral do audiovisual do Goberno

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O audiovisual é hoxe un eido de creatividade en menor ou maior medida ligado ao negocio, pero tamén é unha das canles de información por excelencia do noso tempo. O equilibrio entre unha cousa e outra, entre a actividade empresarial e o dereito á comunicación da cidadanía, é posible sempre e cando as institucións salvagarden certas regras do xogo. Por exemplo: evitar que o mercantilismo se impoña sobre outros valores. Isto precisamente é o que está a acontecer, segundo sinala o Bloque Nacionalista Galego, co Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual que, logo de ser presentado polo Goberno, está a debaterse na Comisión Constitucional.
Así o denunciou o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, para quen está claro que o devandito proxecto toma partido pola visión de negocio exclusivista en detrimento da función pública do audiovisual como cohesionador social e canle para a educación, a cultura e o pluralismo. Jorquera tamén criticou que o texto non asegurase a calidade nin a protección dos servizos de comunicación comunitaria a cargo de entidades sen ánimo de lucro. A maiores, subliñou facendo referencia ao futuro da nosa industria, sinalou que non están asegurados os “mecanismos para que as Comunidades Autónomas poidan participar na planificación xeral da comunicación audiovisual, e, polo tanto, que se respecte o pluralismo lingüístico e cultural do Estado”.

PUBLICIDADE