Francisco Conde recibe á firma gañadora do reto de Coren en Galicia Open Future
mércores, 20 de febreiro do 2019
Hoxe
celebrouse en Santiago unha xuntanza arredor da
edición 4.0 de Galicia Open Future, a iniciativa galega de
crowdworking e aceleramento de iniciativas innovadoras de
Telefónica e a Xunta. Na cita participaron o conselleiro de
Economía, Francisco Conde, o director do Territorio Norte de
Telefónica, Javier Zorrilla, o director de I+D+i do Grupo Coren,
David Robledo, o director de Novas Tecnoloxías en Produción da
cooperativa agroalimentaria, Fernando Pomares, a directora de GAIN,
Patricia Argerey, e máis o director executivo (CEO) de Ymaging, Iván
Amat. Segundo lembraron aos medios, Galicia Open Future 4.0
concibiuse en base a unha serie de retos lanzados ás empresas
galegas para resolvelos con solucións tecnolóxicas concretas. Un
destes desafíos foi guindado por Coren. A empresa que gañou a
proposta foi Ymaging, precisamente.
Ymaging,
para quen non o saiba, é unha nova firma barcelonesa especializada
no desenvolvemento de sistemas para a interpretación automatizada de
datos complexos, contando con experiencia para clientes de diferentes
sectores como a biomedicina, a xeofísica ou a agricultura
intelixente (smart farming)
A
finalidade da xuntanza foi compartir co conselleiro, en detalle, as
características do reto e as solucións expostas para Coren por
Ymaging.
Por
certo que a proposta achegada por Coren é a terceira proposta
lanzada ao abeiro da Edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open
Future, logo
das contribucións de Pescanova e FINSA, resoltas por Deicom e
Conexiona. A solución que buscaba a compañía do sector
agroalimentario (Como poden as novas tecnoloxías axudar a
optimizar o proceso de cebo do porco?) enmárcase na
dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina.
En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e malia
identificación dos animais, así como facer máis eficiente o seu
proceso de pesado. O obxectivo, nas súas palabras, “é buscar
solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado dos
animais, mediante un método que permita rexistrar datos de interese
sobre cada exemplar de modo áxil e unívoco”. Isto permitirá á
cooperativa galega obter información de valor para os seus procesos
de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e
a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo.
Ademais
de Ymaging, elixíronse ademais tres finalistas: a alianza Torusware
e Biostatech, o Centro Tecnolóxico Gradiant e Merasys.
A
selección do gañador e os finalistas foi efectuada por un comité
de avaliación, tendo en conta como principais criterios o problema
que resolve, o grao de adecuación da proposta ao reto que se expuxo,
a adicación do equipo e o tempo de posta en marcha da solución.
Ymaging,
logo de ter sido elixida a súa proposta, obterá unha axuda da Xunta
de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), de
20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais,
tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un
programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de
Telefónica, e recibirán, ao finalizar, un patrocinio de 10.000
euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo
innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao
mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de
10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia (AMTEGA).
Amais
das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá ao proxecto
gañador un préstamo reembolsábel pola cantidade de diñeiro
investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un
máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un
préstamo reembolsable de até 50.000 euros.