Francisco Conde e Luis Orosa avalían os novos desafíos do CESGA no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas

luns, 14 de marzo do 2022 S. P.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantivo este luns 14 un encontro co novo director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa, que substitúe no seu cargo a Mauro Fernández. Na xuntanza Conde e Orosa avaliaron os novos desafíos aos que se enfronta o centro na súa andaina, coincidindo no feito de que o CESGA será estratéxico dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, co que se busca consolidar Galicia como referente neste eido e que ten o obxectivo de “ofrecer un impacto positivo en diferentes sectores produtivos con este tipo de tecnoloxías”. Na xuntanza de traballo tamén participou Patricia Argerey, directora de GAIN.
Segundo explicou conde, o Polo é unha realidade grazas ao traballo conxunto da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o CESGA, que asinaron un convenio con 11,6 millóns de euros procedentes de fondos europeos. Este acordo de colaboración, dixo, “permitirá despregar as infraestruturas necesarias para a súa creación a través dun simulador e un computador cuántico, un sistema de computación de altas prestacións e de almacenamento exclusivo para computación cuántica; situar o tecido de investigación, tecnolóxico e produtivo na vangarda desta tecnoloxía innovadora e de futuro; facilitar unha mellor recuperación no marco do contexto económico actual e apoiar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos”.
Do mesmo xeito, Conde e Orosa abordaron a cuestión do novo supercomputador Finisterrae III, que incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España e que permitirá resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo. Será, dixeron, “unha característica clave para acurtar de modo significativo os tempos na obtención de resultados”. Esta infraestrutura conta cun investimento de 7 millóns de euros a través de fondos FEDER, da Xunta e do CSIC.

PUBLICIDADE