Foros.gl: novo espazo de debate para falar de todo o que nos preocupa

mércores, 8 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

A fórmula das redes como canles para o debate social, lonxe de esmorecer, semella estar máis viva ca nunca. Se contabilizáramos as actividades de protesta e as mobilizacións levadas a cabo na nosa terra tendo o seu punto de partida na Internet, probablemente non remataríamos ao longo do día. Ás moitas reivindicacións culturais e lingüísticas (pedindo máis apoio para o galego), ecolóxicas ou políticas postas en marcha co apoio das redes, cómpre engadir as máis recentes das acampadas dos Indignados, tirando partido das redes sociais coma un dos principais sustentos da súa estratexia. Pois ben, cómpre salientar que o debate segue adiante: a todo o devandito engádese agora Foros.gl para botar máis leña ao lume á nosa arela de debater.
Máis polo miúdo, trátase dun novo proxecto en liña que xorde co obxectivo de crear un escenario galego, plenamente participativo, ao servizo de libre intercambio de ideas, de puntos de vista, de dúbidas e de inquietudes de toda índole. Os temas serán tan variados coma os propios do noso diálogo cotiá cos demais: lingua, medio ambiente, informática, política, etc.
Para facernos unha idea de en que consiste esta arela de establecer un convite a “falar as cousas”, sinalar que o xermolo da iniciativa é o mesmo doutros bos proxectos galegos de comunicación, previos e posteriores á chegada da Rede: unha conversa entre amigos nunha taberna. Desta volta, unha conversa arredor dun eixe temático claro, a ausencia na nosa Internet dun foro de debate onde se poida tratar en detalle calquera tema que nos afecte.
A inspiración do proxecto cómpre buscala en Irlanda, onde hai anos que teñen en marcha espazos desta índole como boards.ie, “web de referencia para todos os irlandeses, na que diariamente participan milleiros de persoas”, sinalan os responsables de Foros.gl. “Estamos abertos a todo tipo de ideas e suxestións para mellorar os foros; podedes poñervos en contacto con nós a través do correo electrónico ou do noso grupo en facebook”, engaden.

PUBLICIDADE