Florencio Delgado, homenaxeado no vindeiro Día das Letras, abre a primeira entrada de 2022 do Álbum de Galicia

mércores, 5 de xaneiro do 2022 S. P.

O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas,comezou o ano cunha relevante e significativa incorporación. En concreto, a do escritor Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903- Fair Oakes, USA, 1987), figura literaria homenaxeada en 2022 no Día das Letras Galegas, a quen o CCG quixo adicarlle a primeira entrada do ano. Xosé Ramón Fandiño asina a entrada deste avogado, militante galeguista e poeta exiliado en México.
Vida e obra
Naceu o 27 de agosto de 1903 en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Fillo dun perito agrícola que ademais era funcionario do Ministerio de Fomento, viviu en Ourense, Palencia e Valladolid, onde estudou Dereito entre 1918 e 1924. Rematada a carreira e cun novo destino do pai na Coruña, a familia instálase en Córgomo. Traballou como avogado no Barco e colaborou dende moi cedo nos xornais El Heraldo de Galicia, de Ourense, e en A Nosa Terra. Logo de afiliarse ao Partido Galeguista (onde xogou un papel activo e moi comprometido, sobre todo, coa defensa do idioma), estoupa a contenda da Guerra Civil e en outubro do 1936 vese obrigado a fuxir a Porto onde colle un barco para Bordeos. De alí trasládase a París ata xaneiro de 1938, cando pasou á Barcelona republicana para formar parte da Subsecretaría de Armamento e despois logo no Servizo de Información Periférico do Estado Maior do Exército de Terra.
En 1939 exiliouse en México, país no que seguiu loitando polo ideal galeguista como creador das revistas Saudade e Vieiros, fundador do Padroado da Cultura Galega e como representante na delegación de Galeuzca en México.
Sobre o seu legado poético, asegura Fandiño na súa entrada que os vértices da súa poesía arredor de tres eixes temáticos e estilísticos, primeiro a obra lírica e sensual de Valdeorras, compilada no libro Bebedeira; segundo, a poesía de loita e defensa da lingua galega e belixerante contra o fascismo, que se publicou sobre todo en Nueva Galicia e se recolleu no libro O soño do guieiro; e terceiro a poesía crioula recollida nas revistas Saudade e Vieiros e no libro Galicia infinda, na que o autor mostra a súa admiración pola realidade mexicana, e a capacidade da lingua galega para “dialogar cun sistema literario tan diferente como o mexicano.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

PUBLICIDADE