Flipnote Studio converte a Nintendo DSi nun estudo de animación

mércores, 12 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios da nova Nintendo DSi poderán descargar de balde a partires deste venres a través de DSiWare a aplicación Flipnote Studio, que converte a pequena consola portátil nun estudo de animación apto para usuarios sen coñecementos técnicos previos, de xeito que valéndose de sinxelas ferramentas coma un bolígrafo, unha goma de borrar, unha brocha e unha limitada gama de cores (negro, vermello e azul) pódense debuxar os fotogramas da nosa película, sendo tamén posible importar fotografías da cámara da DSi (converténdoas a branco e negro coa axuda de distintos filtros). Tamén é posible acompañar as animacións con sons (efectos sonoros, música ou incluso diálogos gravados co micrófono na consola portátil de Nintendo).
As creacións desenvolvidas con este programa para a DSi pode gardarse nunha tarxeta de memoria SD e incluso compartirse a través do servizo en liña Flipnote Hatena, deste xeito temos que as típicas animacións elaboradas manualmente nas esquinas dos cadernos da escola trasládanse a un contorno dixital, dando ás á imaxinación dos usuarios da Nintendo DSi.


O Flipnote Studio anunciouse oficialmente na pasada edición do E3

PUBLICIDADE