Flickr convida ós seus usuarios a facer crónica dun mesmo día: o 5 de maio

luns, 30 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Como servizo web, Flickr resume en boa medida iso no que consiste a Web 2.0. Sobre todo aquela frase na que se comparaba o papel da nova orde de Internet cun gran albume no que finalmente os internautas se decidían a pegar as súas fotografías. Pois, como diría o tópico, por aí van os tiros en Flickr, engadindo (a maiores) a posibilidade de poñer uns albumes a carón de outros até crear unha comunidade, un buscador e unha gran xanela ás vidas dos internautas. Pois ben, tanta vida reflectida e tantas ligazóns emocionais establecidas ó longo destes anos de actividade tiñan que ter unha especie de conmemoración. E dicimos o de “especie” porque a iniciativa 24 Horas de Flickr non é exactamente unha festa ó uso con empanada de millo e licor café baixo un mesmo teito. A cousa será máis complicada, sobre todo unha vez constatada a imposibilidade de dar de comer e pór baixo un teito único ós preto de 15.000 usuarios que xa están rexistrados este luns día 30 (e a cifra non para de medrar).
Enleadas aparte, á nova iniciativa de Flickr non lle falta interese: trátase de reunir imaxes obtidas o vindeiro sábado 5 de maio, estando aberta a participación para toda a comunidade de usuarios do servizo en liña.
Ademais, o material gráfico reunido servirá de alicerce para as actividades xurdidas en Flickr este verán e, tamén, para a realización dun libro que conterá unha escolma das mellores imaxes presentadas. O único requisito que se pide é que a foto en cuestión fose sacada o 5 de maio deste ano, sendo a temática libre, ou, polo menos tan libre como poida ser o acto de reflectir coas nosas fotos todo aquilo que nos acontece nunha xornada de sábado. Polo que puidemos saber sobre a proposta, é ben probable que logo as imaxes aparezan xeolocalizadas no seu mapa a través do Organizr.

PUBLICIDADE