Flickr celebra a súa foto 3.000 millóns: unha porta de ferro en branco e negro

xoves, 6 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Flickr medra pero non tanto. Por dicilo así, lle veñen de saír na Web tantos competidores que a cantidade de fotografías incorporadas xa non representa nas gráficas unha gran costa arriba, senón máis ben un suave repeito. O máis curioso é que unha boa parte dos competidores non son iguais. Ou sexa: non son redes sociais exclusivamente dedicadas á fotografía onde calquera pode participar e opinar sobre as imaxes de outros (Flickr é rede social, banco de datos e superalbum virtual de fotografías), senón que saen de todas as frontes, e algunhas delas opostas. Con todo, na casa Flickr están a conmemorar estes días un récord ben concreto: o de ter superado finalmente a imaxe número 3.000 millóns. E para celebralo, nada mellor que dar a coñecer perante o mundo a foto responsable: casualmente, e con todo o que simboliza (acceso, achado, cambio, chegada, comunicación, etc), unha porta, neste caso concreto de ferro e obra de Garrett Ryan Smith.
A imaxe, simple e polo tanto de maior pegada, serviulle a Flickr para facer reconto. A rede social, arestora propiedade de Yahoo!, foi posta en marcha en 2004 pola empresa Ludicorp, percorrendo sempre –ao longo da súa relativamente curta vida- un camiño ascendente e de medre de usuarios e fotografías.
Malia todo, e como dixemos ao principio deste texto, estanse a rexistrar certos sinais de estancamento. En boa medida, con outra rede social, Facebook, como máis que segura culpable, que ten no seu poder máis de 10.000 imaxes en liña e 120 millóns de usuarios.

PUBLICIDADE