Fitbit podería mercar Pebble por menos de 40 millóns de dólares

xoves, 1 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Os smartwatches Pebble foron auténticos pioneiros ao trunfar en Kickstarter coa súa proposta de reloxos conectados con pantalla de papel electrónico, que continúan a ser un referente para usuarios que buscan solucións multiplataforma (ou sexa, que funcionen tanto con Android como con iPhone) e unha boa autonomía, á vez que tamén manteñen os seus prezos en rangos razoables (parten do Pebble 2 SE a 99,95 euros e van até os 229,95 euros do Pebble Time Round).
Iso si, parece que a empresa consegue vender os seus produtos a golpe de campaña de micromecenado, o que pode resultar un modelo de negocio que a longo prazo non resulte sustentable (non poden innovar constantemente nun produto tan limitado) de aí que non sorprenda ler en The Information que a compañía estaría a negociar a súa venda a Fitbit, o popular fabricante de dispositivos de monitorización da actividade física.
Dende Engadget lembran que Pebble tivo que despedir ao 25% dos seus traballadores o pasado mes de marzo, e aínda que coméntase que en 2015 Citizen quixo mercar Pebble por 740 millóns de dólares, e máis adiante Intel ofrecese 70 millóns de dólares, agora coméntase que o prezo de venda deste pequeno fabricante independente podería ser de entre 34 e 40 millóns de dólares, o que é unha cantidade moi inferior do que podería esperarse dunha compañía con tan boa imaxe de marca, xa que parece que Fitbit o que procura adquirir é a tecnoloxía e a propiedade intelectual (incluíndo o seu sistema operativo) de Pebble.

O Pebble Time Round tivo grande éxito en Kickstarter pero como produto comercial tivo resultados moi discretos, que fixeron que a compañía fabricante estea en apuros económicos

PUBLICIDADE