Firefox celebra o seu 10º aniversario

luns, 10 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A Fundación Mozilla está a dar conta de que o seu proxecto de navegador web alternativo ao Internet Explorer de Microsoft, o Firefox, está a celebrar o seu 10º aniversario, chegando nese tempo a centos de millóns de usuarios de todo o mundo que confían en Firefox para navegar pola web con tecnoloxías abertas e fuxindo dun control excesivo por parte do seu sistema operativo.
Neste tempo Firefox tamén conseguiu transcender os equipos informáticos, de xeito que, aparte de estar dispoñible para Windows, OS X e Linux, tamén ten agora versións para dispositivos móbiles, conseguindo así unha experiencia sincronizada na nube que o converten nunha ferramenta de grande utilidade.
Para celebrar o aniversario de Firefox, Mozilla vai lanzar unha versión especial do navegador web, con novas características que incrementarán o control por parte do usuario, como a posibilidade de contar co DuckDuckGo como opción de busca (este buscador destaca por non facer un seguimento do usuario) ou unha interesante volta de torca á navegación privada, de xeito que, en vez de ter que abrir unha fiestra independente para crear unha sesión da que non queiramos deixar rastro, contaremos agora cunha función de esquecemento na que borrar a actividade que tiveramos nun tempo fixado (os últimos 5 minutos, as últimas 2 horas ou as últimas 24 horas) de xeito que non se conservarán nin o historial nin as cookies do período de tempo indicado.
Nestas mesmas datas tamén podemos celebrar os 20 anos dos Netscape Navigator, aplicación da que collera o relevo Mozilla, e que fora tan importante que levou a que en España chamemos navegar á exploración da web. A versión 1.0 do Netscape Navigator veu a luz o 15 de decembro de 1994, tras un breve período de probas. Xa neses tempos o nome clave do proxecto era Mozilla, que era o nome da mascota da apli1cación (unha especie de dragón inspirado en Godzilla).

O Netscape Navigator cumprirá en breve 20 anos

PUBLICIDADE