Firefox: adeus ás minorías minoritarias

luns, 11 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

O navegador Firefox, de devecer algo, devece por deixar de ser sinal distintivo dunha minoría internauta que leva anos negándose a saír a bailar con Microsoft e o seu Internet Explorer. O seu soño, en caso de que un navegador puidese algún día ter un soño, é quitarse de enriba a imaxe de ferramenta semi-friki para usuarios de software libre e convencer das súas moitas posibilidades a tódolos mortais (á par que internautas). A firma francesa Xiti Monitor vén de darlle a Firefox a nova pola que estaba a agardar: o navegador é o preferido xa dunha boa parte dos internautas europeos. Así, estaría a ser usado neste intre polo 40% dos fineses e eslovenos e polo terzo dos usuarios alemáns, polacos, eslovacos, húngaros e croatas. Asemade, medra significativamente a presenza desta ferramenta nos restantes países europeos, agás (polo visto) en Ucraína (13,28%) e España (13,7%), onde semella que a fidelidade ó navegador de Microsoft imponse sobre calquera consideración, dúbida razoable, debate ou controversia (porén, a porcentaxe de usuarios medra, malia que paseniño).
Segundo informa no seu blog Enrique Dans, o emprego de Firefox medra nas fins de semana, o que podería ser un sinal de que este navegador convence máis a traballadores cá xefes, a particulares cá empresas, posto que os sábados e domingos constitúen as xornadas por excelencia de conexión non corporativa. Polo que respecta á súa presenza no mundo, cómpre sinalar que a súa cota de mercado en Asia e Oceanía é dun 23,4% e que Norteamérica (cunha taxa dun 14,5%) ten porcentaxes certamente semellantes ás de España. Onde non semella que haxa especial interese por apostar polo Firefox, polas razóns que sexan, é en Sudamérica, onde Xiti Monitor só rexistrou unha taxa de 11,1%.

Versión alfa da versión 3.0

Firefox aparece estes días por partida dobre nos medios. Por unha banda, temos as cifras devanditas e, pola outra, o lanzamento da versión alfa da versión 3.0 por parte da Fundación Mozilla, logo de que hai só un mes e medio puxese a disposición da comunidade internauta a versión 2.0. A actualización agora semi-dispoñible, que leva máis de un ano en proceso de desenvolvemento, podería ser definitiva a finais de 2007. Con este novo lanzamento, Mozilla quere conseguir que o internauta se vexa liberado de ter que diferenciar entre unha operación na Web e unha levada a cabo directamente no seu computador. Ademais, tamén se agarda máis compatibilidade con todo tipo de estándares gráficos e meirande uniformidade na navegación por diferentes páxinas.

PUBLICIDADE