Firefox Quantum: a meirande actualización do navegador web de Mozilla

martes, 14 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A competición entre os navegadores web ten un claro gañador nos últimos anos, con Google Chrome dominando claramente, pese ás grandes melloras dos seus competidores, como o Mozilla Firefox, que vén de estrear a súa versión 57, que xa podemos descargar en galego para Windows, macOS e Linux, e que para tentar volver a atraer usuarios preséntase como un Firefox totalmente renovado, que iría o dobre de rápido que o Firefox de hai 6 meses, e para deixar claro que o ven como un produto novo, pasan a chamarlle Firefox Quantum.
A versión 57 de Firefox sería a meirande actualización do navegador web de Mozilla dende o lanzamento de Firefox 1.0 en 2004, o que resulta visible especialmente de xeito visual, cunha nova interface de usuario (Photon UI) que busca tirar proveito do seu novo motor, que aproveita o hardware moderno de xeito que verase o mellor posible en función das posibilidades do noso equipo.
Firefox Quantum incorpora un novo motor CSS, Stylo, que aproveita os procesadores de varios núcleos dos equipos actuais para reducir o seu consumo. Tamén mellora o tratamento das lapelas, de xeito que unhas teñen prioridade fronte a outras, para facer un mellor uso dos recursos do sistema.
A nova aparencia de Firefox non chega só á versión de escritorio do navegador web, senón que tamén está dispoñible nas súas versións para iOS e Android.

Vídeo de presentación de Firefox Quantum

PUBLICIDADE