Final Cut Pro e Logic Pro chegan ao iPad

martes, 9 de maio do 2023 Marcus Fernández

A compañía Blackmagic Design deixou en evidencia a Apple o pasado mes de decembro ao lanzar unha versión do seu software de edición de vídeo, DaVinci Resolve, para iPad (con optimización para os iPad Pro con procesador Apple Silicon), ou sexa, converténdose na primeira aplicación para iPad que xustificaba realmente a adquisición dun modelo Pro.
Resultaba moi rechamante que o primeiro editor de vídeo profesional de escritorio que dese o salto a iPad Pro fose de terceiros, pois Apple tiña bastante forza no sector co Final Cut Pro X, aínda que nos últimos anos esta aplicación está bastante abandonada, provocando unha migración de moitos profesionais a DaVinci Resolve, situación que a nova aplicación contribuía a agravar.
Por fin parece que Apple reaccionou, e aínda que Final Cut Pro X terá que esforzarse para pórse á altura dos seus competidores no escritorio, por fin imos ter Final Cut Pro para iPad, aplicación que verá a luz na App Store o vindeiro 23 de maio, e non chegará soa, senón que estará acompañada pola outra grande aplicación para creadores da compañía da mazá, Logic Pro, ambas cun modelo de subscrición que custará para cada unha 4,99 euros/mes ou 49 euros/ano. Cómpre salientar que o Final Cut Pro para iPad precisará como mínimo dun procesador M1, mentres que o Logic Pro conformarase cun procesador A12 Bionic.
Final Cut Pro para iPad é unha magnífica nova para creadores de contido, xa que permite crear e editar vídeo en mobilidade dun xeito cómodo e profesional, cunha interface adaptada para usar tanto cos dedos coma cun Apple Pencil.
Entre as prestacións que resultan máis prácticas deste editor de vídeo é a posibilidade de realizar montaxes multi-cámara con facilidade (con até 4 fontes de cámara); tamén pode acelerarse o fluxo de traballo coa automatización de Fast Cut ou coa tecnoloxía de recorte automático (para, por exemplo, realizar un vídeo vertical partindo dunha gravación en horizontal); contamos con opcións avanzadas como a máscara de eliminación de escena (que permite borrar dun suxeito ao instante sen a necesidade de contar cunha pantalla verde) ou o filtro de illamento de voz (que elimina o ruído de fondo e mellora a claridade da fala).
Non faltan transicións, títulos dinámicos, efectos, música de fondo con axuste intelixente á duración do vídeo, fondos dinámicos e patróns animados... e moitos outros elementos propios do software de edición de vídeo profesional, como un control preciso do balance de brancos ou un magnífico soporte dos formatos ProRes e ProRes RAW.
Aínda que esta nova aplicación pode entregar os resultados en formatos de grande calidade e adaptados ás principais plataformas sociais, tamén conta con función de exportar os proxectos creados a Final Cut Pro para Mac, opción recomendada para os creadores máis esixentes que queren, por exemplo, acceder a gradación de cor avanzada e outras funcións que polo momento non están dispoñibles no iPad.

Logic Pro para iPad

Pola súa banda Logic Pro para iPad é unha aplicación de estudio musical na que poder montar bases, tocar instrumentos, gravar, editar, mesturar... directamente dende o iPad, resultando axeitada para crear e producir música de calquera estilo, e que nesta nova versión pode controlarse coa pantalla multi-táctil do iPad (podendo usarse tamén co Apple Pencil), onde tamén pode presentar un piano virtual, pads de percusión e para, basicamente, converter o iPad en todo tipo de instrumentos musicais.
A aplicación conta con numerosas funcións de control, permitindo pasar os proxectos de Logic Pro de Mac ao iPad e viceversa, o que facilitará que os creadores poidan levar o seu traballo enriba durante as xiras. Logic Pro para iPad tamén é compatible con interfaces de audio, interfaces MIDI e controladores das principais marcas, polo que podemos velo claramente como unha ferramenta profesional moi práctica para o seu uso en mobilidade.

Vídeo promocional das versións para iPad de Final Cut Pro e Logic Pro

PUBLICIDADE