Fíltrase unha aplicación que pode corrixir os fallos de actualización de Windows 10

venres, 19 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Aínda que a actualización de aniversario de Windows 10 supón unha importante mellora para a meirande parte dos equipos, existen escenarios nos que o proceso de actualización provocou problemas, como cando no mesmo equipo están instalados discos duros tradicionais e unidades SSD, que chegan a provocar colgues do sistema (algo moi pouco habitual nas versións actuais de Windows) e aínda que oficialmente aínda non se publicou ningunha actualización que corrixa os fallos detectados e recoñecidos por Microsoft, dende os foros da compañía de Redmond deron conta dunha ferramenta que aínda está en fase de probas, e que parece corrixir a meirande parte dos problemas detectados.
A Windows Self-Healing Tool detecta e repara ficheiros e compoñentes corruptos, e instala as últimas actualizacións, sendo un proceso bastante lento, xa que para garantir o bo funcionamento de Windows realízase a reinstalación das aplicacións de sistema (o que pode chegar a levar unha media hora).
O uso desta aplicación pode recomendarse para usuarios que teñan problemas serios co funcionamento do seu equipo, pero non está carente de riscos, xa que trátase dunha ferramenta que aínda non veu a luz oficialmente, polo que pode conter erros.

PUBLICIDADE