Fíltranse os enderezos de correo electrónico de 114.000 usuarios de iPad 3G

xoves, 10 de xuño do 2010 Marcus Fernández

O blog Gawker denunciou publicamente que un fallo de seguridade da operadora AT&T comprometeu os datos de 114.000 usuarios da compañía que son propietarios dun iPad de Apple, de xeito que información coma o enderezo de correo electrónico e o código que identifica as tarxetas microSIM dos usuarios foron subtraídas a través dun burato de seguridade que xa foi pechado.
Dende AT&T recoñeceron o fallo de seguridade, pero consideran que as consecuencias do mesmo non deberían ser graves por ser difíciles de explotar, xa que os enderezos de correo electrónico non son datos especialmente sensibles (especialmente se non están ligados a máis información) e os números ICC-ID das tarxetas microSIM non parecen importantes para usos alleos ao propio funcionamento da rede móbil de AT&T. Relacionar enderezos de e-mail con números ICC-ID non suporía ningún risco de seguridade, de aí que a potencial incursión na base de datos de AT&T non sexa de especial relevancia, pero de seguro que afectará á imaxe da compañía e á súa relación con Apple.

PUBLICIDADE