Filtran detalles do que poderían ser as salas de audio de Facebook

mércores, 24 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Coa emerxencia das aplicacións de audio social, moi concretamente de Clubhouse, comentouse que Facebook estaba xa a preparar un sistema para a creación de salas de audio, e segundo desvela o desenvolvedor Alsessandro Paluzzi, esta nova funcionalidade adoptaría unha estética moi semellante a Clubhouse (e a Twitter Spaces) e ofrecería a creación de salas tanto de audio como de vídeo, de xeito que poderiamos vela como unha evolución das salas de Messenger que levan un tempo integradas nas plataformas sociais propiedade de Facebook.
A nova funcionalidade permitiría crear unha sala de audio ou vídeo con amigos, o que podería considerarse como unha simple integración das salas de Messenger, contando tamén cunha terceira opción, na que realizaríanse retransmisións de audio a oíntes (ou sexa, que a sala sería pública), respondendo así ao novo formato de comunicación de moda.
Dende Facebook confirmaron estar a desenvolver as funcionalidades filtradas, pero aínda non pasaron a converterse nun produto, polo que o que veremos finalmente podería ser moi diferente. O que si resulta evidente é que se Facebook ten a intención de competir no sector do audio social teno bastante doado, xa que chegaríalle con ofrecer novas opcións nas súas salas actuais para fomentar o uso do audio, de aí que non sería unha sorpresa se nas vindeiras semanas as aplicacións de Facebook comezan a presentar salas de audio do mesmo xeito que no pasado fixeron coas historias inspiradas en Snapchat.

PUBLICIDADE